Saturday 27 de April de 2024

O Concello de San Sadurniño e AFAL Ferrolterra ofrecerán en abril un curso sobre a atención a persoas con Alzhéimer e outros procesos de deterioramento cognitivo


O Concello e a asociación AFAL Ferrolterra, especializada na atención a persoas con Alzhéimer e outras demencias, van organizar para finais de abril un curso sobre como detectar e abordar estas enfermidades, ademais de explicar as técnicas para mover ás persoas doentes que xa non poden valerse por si mesmas. O obradoiro desenvolverase os días 20 e 21 de abril en horario de 16:30 a 18:30h e preténdese que sexa de grande utilidade tanto para familiares de quen padeza algunha demencia como para quen conviva cunha persoa dependente. Ademais, estas sesións tamén se conciben como punto de encontro no que achegar información precisa ao respecto do Alzhéimer e maneira de facerse unha idea do alcance real deste problema de saúde no municipio, co obxectivo de captar posibles persoas usuarias do futuro centro de atención que o consistorio quere construír na antiga escola de Igrexafeita. As persoas interesadas en participar no curso poden ir anotándose xa chamando ao teléfono de Servizos Sociais: 981 490 027 ext.1.

A acción formativa está dividida en dúas sesións. A primeira, o 20 de abril, estará conducida pola psicóloga Elena Farre falando sobre a abordaxe terapéutica nas demencias. Entre outras cuestións falarase da sintomatoloxía e os sinais que poden anticipar un deterioramento cognitivo, pero tamén dos tipos de actividades e exercicios de estimulación que poden retrasar a súa evolución, ás veces en combinación cun tratamento farmacolóxico.

Outra parte importante deste primeiro día de curso será a descrición, precisamente, de como adoitan cursar as demencias, centrándose principalmente nas distintas fases do Alzhéimer e nas alteracións do comportamento e a mobilidade que adoita provocar. Cómpre ter en conta que se trata dunha enfermidade incapacitante, que poucas veces se diagnostica e para a que de momento non existe cura, aínda que a investigación está dando pasos nese camiño.

Ademais, o Alzhéimer tamén ten repercusións no ámbito familiar. A persoa precisa cada vez máis atención e coidados e iso pode desencadear a chamada “síndrome da persoa coidadora”, que son un conxunto de efectos colaterais, por dicilo así, que inciden na saúde da persoa que dedica máis tempo a atendela.

Entre os sinais da síndrome estarían o estrés, o cansanzo físico e emocional, lesións producidas por sobreesforzos inadecuados que poden cronificarse, e, o máis grave, a renuncia ao tempo propio, ás relacións familiares e con amizades ou incluso á vida profesional que logo, cando se produce o desenlace, custan recuperar. A todo iso engádese unha sensación de baleiro -que pode derivar en depresión ou ansiedade- motivada polo cambio abrupto da situación tralo falecemento da persoa doente, despois de anos de dedicación a ela case en exclusiva.

Estas cuestións, relacionadas co autocoidado e con como afrontar a enfermidade ocuparán unha parte importante da sesión do 20 de abril, seguida ao día seguinte -tamén de 16:30 a 18:30h- dun obradoiro cun contido moi práctico sobre mobilizacións e transferencias da persoa dependente.

Veranse, entre outras cuestións, cales son as mellores posturas para previr problemas circulatorios e cutáneos -úlceras, irritacións, etc.- derivados do encamado, ademais de coñecer que materiais existen para previr eses problemas. Tamén se aprenderán técnicas para mover, cambiar de lugar e sentar á persoa doente de maneira que nin ela nin quen a coide sufran ningún tipo de lesión. Desta parte da formación encargarase a terapeuta ocupacional Natividad Criado.

Inscricións no 981 490 027
AFAL Ferrolterra e máis o Concello convocaron hai uns meses xuntanzas informativas para falar do Alzhéimer e do deterioramento cognitivo, co obxectivo de ter datos aproximados sobre a verdadeira dimensión do problema no territorio pero tamén co de ir avanzando información sobre o proxecto municipal de rehabilitar a antiga escola de Igrexafeita como espazo terapéutico de ámbito comarcal.

Agora muda a estratexia, reconvertendo aquelas charlas nun curso que permita conectar coas familias dunha maneira máis directa e estreita. Ademais, a formación que se ofrece -sobre todo a do segundo día- pode ser de grande utilidade para quen estea a cargo dos coidados dunha persoa dependente, aínda que non teña ningún tipo de deterioramento cognitivo.

Polo interese da actividade, desde o Concello e a entidade animan á participación neste curso -recordemos, 20 e 21 de abril, de 16:30 a 18:30h os dous días– para o que fai falla inscrición previa a través do 981 490 027 ext.1.